Monday 29 de April de 2024

O Concello de Muxía disporá de case 4 millóns de euros de orzamento para o exercicio de 2020


A esta cifra, hai que sumar os suplementos aprobados recentemente, cos que a administración muxiá disporá dun total de 4,7 millóns de euros.
O Concello de Muxía aprobou onte os orzamentos do exercicio 2020, case 4 millóns de euros -3.812.381,53 euros-. A esta cantidade, hai que sumar os suplementos aprobados recentemente, cos que a administración muxiá disporá dun total de 4,7 millóns de euros.
Están baseados en dous piares fundamentais: as melloras infraestruturais e de mantemento en todo o termo municipal e na impulsión dos asuntos sociais.
Ademais dos servizos correntes, tamén se incluirán outra das partes anunciadas, no referente ás materias de medio ambiente, a mellora na xestión do punto limpo e tamén en servizos sociais.
Un dos puntos no que se reflicte o reforzo no social é a partida de recursos destinados a tal fin. O Concello de Muxía pasará de adicar 26.000 euros a 220.000 euros para este fin.
O alcalde, Iago Toba, comezou a sesión informando da ‘importancia a nivel social que supón a aprobación destes orzamentos. Son unhas partidas reais e realistas, porque responden ao novo contexto que estamos a vivir nos últimos meses, así como a que nos tocará vivir nun futuro moi inmediato’, sinalou o rexedor.
Cabe destacar, tamén, que o Concello de Muxía presenta un endebedamento de 0 e que se doblará o gasto en axudas de emerxencia e taxis, para dar cumplimento así ás posibles novas realidades.

Modificación da RPT
Noutro dos puntos a tratar na sesión, aprobáronse as melloras nas condicións laborais das traballadoras e traballadores municipais, previamente acordada cos sindicatos. Ademais, creouse o nomeamento de funcionarios interinos para atender ás demandas na Biblioteca Municipal e no eido de Servizos Sociais. Nestes orzamentos, a optimización no departamento de Servizos Múltiples e no Servizos de Axuda no Fogar serán evidentes. Pasarán, as persoas que integran estes corpos de traballo, dunha xornada parcial a unha completa. Isto ten dúas significacións: primeiramente, mellores condicións laborais para todas e todos eles; en segundo lugar, o aumento das horas implica unha repercusión tremendamente positiva para as veciñas e veciños que fan uso destes servizos.
O alcalde, Iago Toba, quixo sinalar que ‘haberá por primeira vez un proxecto novidoso de humanización, e verase reflictido na contratación de máis albaneles, operarios en servizos múltiples e técnicos de xardinaría. Farán un traballo extraordinario e os resultados veranse nun breve período de tempo’, concretou o rexedor, que finalizou concluíndo que ‘sendo uns presupostos cuns ingresos menores, acadaranse sen subir os impostos e realizaremos unha xestión para manter todos os servizos e reforzando de xeito especial en materia de asuntos sociais e melloras infraestruturais’, sentenciou Toba.